lunes 30 de noviembre de 2009

Goberno inculto

Este artigo foi escrito por Marcelino Fernández Mallo e eu non podería estar máis de acordo con el. Póñoo aquí para que vexades o que di, xa que segundo a miña opinión ten toda a razón:

Galicia configura o que se coñece como “un área cultural”, isto é, un territorio delimitado no cal os seus habitantes levan compartindo durante un período de tempo prolongado, unhas pautas de común comportamento consonte ós hábitos, á relación co medio, e o modo de manifestárense e comunicárense. Quen pode dubidar de Galicia contar cunha cultura propia! Cultura que, na súa aceptación individual, vén significando “cultivo do espírito” –o factor que dá sentido ó ser humano– mentres que no sentido colectivo, representa o elemento incontestable de identificación dunha comunidade –factor que dá sentido ós pobos e ás nacións.

Na pasada fin de semana, celebrouse na Coruña a Feira da Industria Cultural Galega, á cal houbo que chamar “Achegarte” para diferenciala da “Culturgal” dos anos anteriores. Na edición de 2008, “Culturgal” atraeu 35.000 visitantes interesados na Cultura do País, no que desenvolven as empresas dedicadas á produción e promoción de produtos baseados na cultura galega. Quizais con esa idea na cabeza, os organizadores de “Achegarte”, amantes do noso principal risco diferenciador, engadiron na convocatoria o lema “A cultura que facemos, a cultura que queremos.”

Malia ese carácter esencial intrínseco ó propio concepto cultural e a pesar da necesidade de promoción dunha industria feble e vulnerábel, o goberno galego rexeitou organizar o que debería ter sido “Culturgal 2009”. Talvez asustouno o éxito de Cultural 2008 o cal daba a pensar que a curiosidade e o interese sobre o noso podía contribuír a espertar ese xigante durmido, tan temido pola dereita, do galeguismo sustentado na defensa da propia identidade. Así que a Xunta cedeu involuntariamente a remuda ó Concello e á Deputación da Coruña que aproveitaron a oportunidade que lles brindaron os medos do Partido Popular.

Non sei se tal apaño será posible noutra das aldraxes deste goberno cara á cultura do País. Refírome á expulsión da Central Folque da Escola de Altos Estudos Musicais. Este Centro Galego de Música Popular representa un proxecto exemplar onde acubillar os sons, notas, ritmos e danzas que forman parte da mesma cerna da cultura galega. Axiña osmaron o perigo, por “centro de música popular” deberon entender “cova de nacionalismo alborotador”, algo así, seica. E retiráronlle o apoio. 160 alumnos dispostos a facer da música con raigame na terra a súa vía de desempeño profesional. Sumamente perigoso, disque.

Pode haber máis. Estes días celébrase a vixésimo terceira edición da Feira Internacional do Libro de Guadalajara nesta cidade mexicana, un dos principais eventos que se celebran no planeta en relación ó libro. Cada ano, os organizadores escollen unha cultura á cal ofreceren un papel estelar no espazo e na programación. En anos anteriores, concorreron España (2000), Cataluña (2004) e Andalucía (2006). Para dar unha idea do nivel do acontecemento, a presentación dos actos organizados pola Xunta de Andalucía estivo presidida por Gordimer, Saramago, García Márquez e Carlos Fuentes. O goberno galego anterior levara a cabo arduas xestións para conseguir que a literatura galega fose convidada de honra da Feira Internacional de Guadalajara nun dos vindeiros anos. O goberno actual parece dubidar se tira proveito desta grande oportunidade.

Os parágrafos anteriores confirman o devastador programa culturicida posto en marcha polo goberno galego do Partido Popular. Eles xustifícano na falta de cartos (e son os mesmos que promoveron o Gaiás!!). Outros pensan que se trata dun perverso cálculo político. Eu cada día inclínome máis por outra razón: a de que conforman, en realidade, un goberno sen corazón; un goberno, así pois, inculto.

viernes 13 de noviembre de 2009

As actuacións do PP en Galicia

O goberno de Núñez Feijoo, está tentando desmantelar todos os vestixios do goberno pasado, para que ninguén recorde o que fixo ben pero si, para que recorde o que fixeron mal.
Con isto, refírome ás actuacións que está a levar a cabo nas diferentes consellerías.
No que se refire aos servizos sociais e de asistencia, está reducindo orzamentos destinados, como por exemplo, ao servizo de transporte de persoas dependentes, aos centros de saúde, por parte das ambulancias, isto está sucedendo na comarca do Barbanza.
Outro caso é a supresión de 19 oficinas de I+B (Igualdade máis Benestar) con 61 traballadores que prestan servizos ás familias, adolescentes, infancia, terceira idade, poboación reclusa, etc. Facendo labores de inclusión social, apoio e servizo de información ás familias, prevención da violencia de xénero… e non só nas cidades, senón tamén no rural.
A redución nas partidas orzamentarias destinadas á Sanidade Pública, por exemplo o Hospital de Vigo vai a ter menos camas, non vai ter laboratorios de investigación médica e a eliminación da futura área de queimados. A semi-privatización do novo Hospital de Pontevedra.
Tamén se baixa a cantidade destinada á educación pública, mentres sobe a destinada aos colexios concertados e privados, que van a levar máis de 200 millóns de euros; a redución dos cartos para as universidades e, polo tanto, co consecuente empeoramento da educación.
Con respecto ao dito no parágrafo anterior, hai que dicir que van ser despedidos 9 científicos, por mor da redución de cartos destinados á investigación nas universidades galegas.
Empeoramento do medio ambiente, coa redución de 447 hectáreas do parque natural Baixa Limia-Xurés, para que Iberdrola poida instalar un parque eólico; non aprobaron a moción do BNG, presentada no parlamento de Galicia, na que se instaba á Xunta de Galicia a prohibir a instalación de máis centrais e minicentráis hidroeléctricas nos ríos galegos, para evitar a súa degradación.
Redución das partidas destinadas á normalización e dinamización lingüística así como tamén aos equipos que realizan estas tarefas.
Este é o goberno que temos, un goberno que só lle interesa satisfacer os intereses empresariais e non os da sociedade xeral.

Un saúdo.

miércoles 9 de septiembre de 2009

A cultura galega en perigo.

A consellería de cultura non vai a celebrar Culturgal este ano. A explicación que dan, é que, este ano non contan coa suficiente partida económica para este acto, polo cal se dan a coñecer os produtos culturais galegos.
A feira pola cal, no ano 2008 pasaron algo máis de 30.000 persoas, estaba destinada a facer visibles os traballos e produtos culturais galegos co que se pretende dar unha imaxe de Galicia.
Volvemos a ver outra acción en contra da nosa propia cultura, malia que este tipo de accións van na nosa contra, moita xente non se da conta ou non se quere dar de conta de que nos prexudican.
Por iso desde aquí quero que a xente abra os ollos e vexan o que está a suceder. O presidente Feijóo e a súa comitiva, leva algo máis de 6 meses no goberno da Xunta de Galicia e fixo moi poucas cousas, se é que fixo algunha, a prol da cultura e lingua galegas pero desfixo e quere seguir desfacendo, multitude de proxectos destinados a difundir e a dar a coñecer a cultura galega a nivel autonómico e a nivel internacional.
Un exemplo a maiores deste, é a eliminación dos Premios Nacionais da Cultura Galega que premiaban as seguintes categorías Arquitectura e Espazos Públicos, Artes Visuais, Artes Escénicas, Literatura, Música, Patrimonio Cultural, Pensamento e Cultura Científica, Cine e Audiovisual, Iniciativa Cultural e Cultura Tradicional e de Base.
A ver se a xente ve o que está a suceder.

Un saúdo.

jueves 3 de septiembre de 2009

Privatización da educación en Galicia

O goberno do Partido Popular, que preside a Xunta de Galicia, vai a destinar un total de 258 millóns de euros anuais o que supón, algo máis de 1.000 millóns de euros en catro anos, ao financiamento do ensino privado e concertado.
Así pois, non se reducen os concertos educativos, nin sequera naqueles niveis educativos e localidades nas que os centros públicos son capaces de absorber a totalidade do alumnado.
Dentro deste concerto de axudas, están incluídos varios colexios do Opus Dei. Ditos colexios, segregan por razóns de sexo, un feito polo cal non poden recibir axudas públicas pero parece que isto, a Feijoo, dálle igual.
Todas estas actuacións estanse a realizar ao tempo que se elimina a gratuidade de libros, xa que, segundo os do PP, ese sistema era demasiado caro.
Agora ben, pensemos un pouco, que é mellor? Que se merquen libros e que poidan servir durante catro anos ou darlle axudas as familias, tódolos anos, para que ao rematar o curso tiren cos libros que poderían utilizar outros nenos? Xulguen vostedes mesmos.
Outro dato, mentres que se destinan 258 millóns de euros para a educación concertada e privada, tan só se van a destinar 7 millóns de euros á subvención de libros. Isto para min é un escándalo, pero parece que moita xente segue sen darse conta.

Un saúdo.

lunes 10 de agosto de 2009

Paralizan a declaración dos Ancares

O conselleiro de medio ambiente, territorio e infraestruturas conxelou a declaración dos Ancares como parque natural, non cumprindo co programa electoral do PP, no que se establecía: “Impulso á declaración de novos espazos naturais protexidos, e a ampliación da superficie do territorio incorporada á Rede Natura”. Esta paralización débese, segundo fontes da consellería, que o proceso tópase coa negativa dos veciños do lugar. Na realidade, son dous concellos os que se opoñen a esta declaración.

Esta zona é de grande importancia ambiental, xa que conta con cinco categorías de protección: reserva nacional de caza, zona de protección do oso pardo, lugar de importancia comunitaria (LIC), zona especial de protección de valores naturais e zona especial de protección de aves(ZEPA). Ademais, o espazo forma parte da Rede Natura e foi distinguido pola Unesco como reserva da biosfera no 2006.

Todo isto, supón un grao de protección importante, pero deberíase declarar como parque natural para mellorar e afianzar, máis aínda, a súa conservación.

Desde a propia consellería afírmase que, cando se acade consenso, volverase a retomar o proceso pero non están a facer nada para acadalo.

Por todo isto, o conselleiro debería seguir co proceso iniciado polo anterior goberno e buscar a mellor solución para todos. Ademais, Galicia é unha das comunidades autónomas con menor territorio protexido, cun 12%.

A zona, tería que verse recompensada coa creación de empregos e con inversións, por parte da Xunta, para promocionar o turismo sostible, o asentamento de industria e de poboación que sexa compatible coa existencia do que sería o 8º parque natural de Galicia.

Un saúdo.

viernes 7 de agosto de 2009

Privatizar a educación

O goberno do Partido Popular, que está a gobernar na Xunta de Galicia, vai a destinar algo máis de mil millóns de euros nos próximos cinco anos aos colexios privados.

Alberto Núñez Feijoo, debería seguir coa política comezada polo anterior goberno do bipartito, o cal, estaba a reducir as partidas para os colexios privados e quitáralle as partidas aos colexios que separan por sexos.

Pois ben, agora o Partido Popular volta a concederlle axudas aos colexios que separan aos nenos e ás nenas.

Con respecto á cantidade de diñeiro que van a recibir os colexios privados, dicir que me parece unha cantidade moi superior á que deberían percibir. O goberno debería ir reducindo as partidas destinadas ao mantemento de escolas privadas por diversos motivos:

1. Estes cartos poderíanse dedicar á mellora dos colexios públicos.

2. Servirían para mellorar as instalacións e servizos dos nosos colexios e institutos públicos.

3. Poderíase subvencionar o autobús na etapa de bacharelato.

4. Poderíanse crear e subvencionar a creación de comedores escolares.

5. Poderíanse destinar a axudas para estudantes con poucos recursos económicos.

6. Servirían para a construción de garderías.

7. Para financiar a adquisición o material didáctico.

Para rematar, só dicir que desde aquí, avógase pola redución das partidas aos colexios privados e destinalas á educación pública.

Un saúdo.

jueves 6 de agosto de 2009

A pasividade de Núñez Feijoo

A pasividade coa que actúa o goberno da Xunta de Galicia, fronte a cuestións de grande importancia, é incrible.

Un caso é o da financiación autonómica. Cando calquera persoa que atenda un pouco á política, dáse de conta de que o acordo non beneficia a Galicia.

Pois ben, Alberto Núñez Feijoo, en vez de votar en contra deste modelo, abstívose por orde do seu partido. Este home é o presidente de Galicia e, para min, o presidente dunha comunidade debería de buscar o mellor para a comunidade na que goberna, aínda que isto supoña, ir en contra do propio partido, pero polo menos defendería os intereses da súa terra.

Outro caso é o intento de fusión entre Caja Madrid e Caixa Galicia. Este presidente, en vez de impulsar unha fusión entre as caixas galegas (Caixa Galicia e Caixa Nova) queda “observando”, eu creo que deixando, que Caja Madrid faga o que queira.

O goberno do Partido Popular tamén está a desfacer moitas das actuacións levadas a cabo polo anterior goberno.

Unha delas é a derrogación do decreto do galego no ensino, a “reorientación” das galescolas, a gratuidade de libros de texto para tódalas familias, derrogación do decreto eólico, a supresión de programas culturais, etc.

Pero este goberno non só destrúe o que outros fixeron ou queda inmóbil, tamén sabe facer cousas deste tipo:

1. Vai a permitir a ampliación da piscifactoría de Mougás, pese a ter unha orde de derrubamento por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. Quere retomar as negociacións e darlle facilidades a Pescanova, para instalar outra piscifactoría en Cabo Touriñán (Espazo declarado Rede Natura 2000).

3. Elabora enquisas, ónde se pode cuestionar o resultado.

Sen máis despídome.